lunes, 18 de diciembre de 2006

A Asociación Galega de Adopción Internacional reclama á Xunta que se poida profillar logo dos 40 anos

VOZ DE GALICIA 04/12/2006

A Asociación Galega de Adopción Internacional (AGAI) decidiu onte dirixirse á Xunta para reclamarlle que en Galicia se poida adoptar sen molestias logo dos 40 anos. A portavoz da asociación, Eva Barreiro, sinalou onte a La Voz que a normativa non está unificada en todas as autonomías e que o que se fai imposible na Comunidade galega por razóns de idade en Cataluña conséguese sen ningún problema. A asociación, á que pertencen medio centenar de familias, reuniuse en Santiago co fin de reactivar un asunto sobre o que lle «deran longas» na Xunta en repetidas ocasións.

Discriminación Barreiro sostivo que non ten sentido unha norma que discrimina por razóns de idade á hora de adoptar, máxime cando os países máis demandados polos galegos, como é o caso de China, non teñen dificultades especiais cando se fala de idades superiores aos 40 anos. A portavoz da asociación sostivo que en Cataluña a Administración non pon nunca problemas á hora de obter o certificado de idoneidade sempre que os pais teñan menos de 55 anos. Barreiro puxo como exemplo o caso dun político galego que tivo recentemente xemelgos, en alusión ao vicepresidente da Xunta, e trasladouno ao plano da adopción, para preguntarse onde está o problema. A Asociación Galega de Adopción Internacional (AGAI) asegura que a maioría dos nenos adoptados proceden de China, país que funciona con «transparencia». Hai 129 que xa están integrados na sociedade galega, dun total de 248 adopcións nas catro provincias. Outros 54 pequenos proceden de Etiopía, país no que a adopción é bastante rápida, fronte ao caso de China, onde os trámites se encarecen ao ter que permaneceren dúas persoas polo menos 15 días no país. Colombia é o terceiro país de procedencia no lista de adopcións, con 15 nenos que conviven xa con familias galegas, e en cuarto lugar figura Nepal, con 11. A asociación de adopción internacional denunciou a lentitude das tramitacións, sobre todo na Coruña e Pontevedra, onde hai maior demanda. Un total de 110 nenos foron adoptados no 2005 na demarcación coruñesa e 91 en Pontevedra. Ourense rexistrou 26 e Lugo, 20.

No hay comentarios: